A Calidade no CPI Atios

lunes, junio 29, 2009

5ª REUNIÓN COMISIÓN AUTOPROTECCIÓN

O día 30 de xuño tivo lugar a última reunión deste curso da comisión de autoprotección na que se procedeu a ler a memoria anual de prevención e tratamento de emerxencias, analizaronse as causas da non celebración do simulacro e disolveuse a comisión ata o curso 2009-2010.

jueves, junio 25, 2009

FINAL DE CURSO

En relación co final de curso lembrar as tarefas pendentes:

- Gardar exames feitos
- Gardar fichas alumnado
- Gardar programación impartida
- Gardar entrevistas pais / nais
- Rematar actas de departamento
- Memorias
- Actualizar inventario no Xdat

jueves, junio 18, 2009

RESPOSTA OBSERVACIÓNS ENQUISAS SATISFACCIÓN

Dende o equipo directivo queremos dar resposta ás observacións xurdidas nas enquisas de satisfacción deste curso 08-09. Pretendemos a partir deste curso realizalo tódolos anos para tratar de aclaralas dentro das nosas posibilidades.

Agrupamos as observacións en 10 apartados, de non estar satisfeito con esta resposta cómpre lembrar a toda a comunidade educativa que existe un buzón de SQR (suxerencias, queixas e reclamacións) en conserxería e outro en secretaría e un modelo para cubrir. A dirección do centro está obrigada a respostar todas as SQR que cheguen ós buzóns.

1. DIRECCIÓN

No apartado de dirección lembrarlle a todo o alumnado que as coidadoras e o conserxe só cumpren coa súa obriga cando non os deixan quedar na parada do bus, no RRI recóllese que os alumnos deben entrar no centro cando chegan dos buses.

En relación ás normas de expulsión deste curso, o alumnado ten unhos dereitos e unhos deberes. Este curso 3 partes de incidencia acarrean unha expulsión de 3 días, o profesorado só cubre partes de incidencia cando a situación é insostible ou reiterada. Tede en conta que un dos vosos deberes é participar nas clases e a vosa obriga tratar de estudar e realizar as tarefas que vos pon o profesorado. Tamén nos parece importante recalcar que o alumnado que quere traballar e aprender non ten porque perder este dereito porque outros non queiran traballar. Pode que sexan unas normas duras pero todos as coñecedes dende principio de curso. No inicio do ano académico séguense unhas pautas para a formación de grupos tratando de que sexan equilibrados pero hai anos que o elevado número de repetidores ou alumnos conflictivos propicia que os cursos sexan de maior ou menor rendemento académico.

Hai moitas observacións sobre aspectos que non dependen da dirección: ciclos de FP no centro, libros novos, menos materias, menos horas de clase, máis diversidade de optativas e máis vacacións. A Consellería de Educación é a que marca o calendario escolar, o nº de horas de clase e as materias, nós non temos ningunha capacidade de decisión sobre estes aspectos. O noso centro ó ser un CPI non temos capacidade para impartir FP e os libros só se renovan cada catro anos dende que hai a gratuidade de libros.

Este curso o centro realizou un grande esforzo por renovar unha grande cantidade dos ordenadores: aula informática, infantil e aulas de EP, polo que esta observación estaría de máis este ano. En función das posibilidades iranse incorporando ordenadores nas aulas que faltan, concretamente as de ESO. A última en relación á dirección é que existe o rumor de que o curso que vén vai haber clase pola tarde tódolos días. A data de hoxe non temos ningunha comunicación ó respecto.

2. PROFESORADO

Neste punto, as observacións van dirixidas a aspectos como maior claridade nas explicacións, maior puntualidade e respecto ó alumnado, menos exames e deberes, máis preocupación polos problemas do alumnado, máis participación nas festividades, e peticións de cambios e de continuidade de profesores. Todos o profesorado coñece a final de curso os resultados das enquisas e realizarán a avaliación da súa práctica docente intentando mellorar de cara ó vindeiro curso.

Outra das observacións é a non utilización de móbiles en horario lectivo, tanto para docentes, como alumnado. Neste controvertido tema, sería quizais necesaria unha normativa máis clara por parte das autoridades educativas e non deixar todo en mans dos equipos directivos. A nosa opción é intentar non prohibir terminamente a súa utilización a non ser que interfira gravemente no proceso ensino-aprendizaxe. Evidentemente rexeitamos a súa utilización nas actividades lectivas tanto por parte do profesorado coma do alumnado. Por último hai algunha observación en canto a unha maior facilidade de contacto entre familias e profesorado vía correo electrónico ou dalgún xeito a través da páxina web. É unha opción a estudar de cara o vindeiro curso.

3. INSTALACIÓNS

O noso cabalo de batalla nos últimos anos. En moitas das enquisas hai referencias a deficiencias do centro e melloras no edificio e instalacións: acondicionamento aulas, persianas, grifos e luces, reparación fendas, pintado do centro, cambio de baños, acondicionamento da pista exterior e do patio, cubertas para coller buses, acumulación de cascallos detrás do colexio…

Como moitos de vós sabedes, o mantemento do centro e as melloras nas instalacións son competencia do concello e da consellería e non do centro educativo. O equipo directivo, o claustro e o consello escolar levan moitos anos intentando presionar para que se acometan melloras e reparacións; de feito o centro non é o mesmo que hai dez anos. Non nos lembramos que non hai tanto, o patio de dentro estaba descuberto e con columnas, había un pavillón onde entraba auga tódolos días, a entrada estaba coas portas de madeira, as persianas eran outras que non baixaban nin subían, non había conexión a Internet en todo o centro nen ordenadores, non existía a cafetería, o ascensor estaba sen dar de alta, etc, etc. Houbo moitas melloras e evidentemente quedan cousas por facer É un proceso longo que vai deixando os seus froitos lentamente. Este ano o concello vai levar a cabo reformas no centro por un valor aproximado de 90.000 euros dentro das axudas do Governo central. Agardamos que chegue para darlle un lavado de cara ó centro. No tema das fendas que tanto da que falar, lembrar que dende a Consellería mandaron diversos expertos a estudialas e todos coinciden en que non hai nengún risco, a pesar da espectacularidade das mesmas

Dende o centro só nos queda seguir loitando pola mellora das instalacións. Nós somos, xunto ó alumnado, os máis interesados porque é o noso lugar de traballo. Lembrade que os rapaces e rapazas poden pasar 12-14 anos no colexio pero hai profesorado que tamén pode chegar e superar os 15-20 anos no mesmo.

4. COMEDOR

Cada curso nas enquisas de satisfacción o comedor vai acadando resultados máis positivos. Levamos catro cursos dende o 2005-2006 implantando no servizo de comedor unha serie de modificacións nos menús escolares. Estes novos menús fixeronse máis saudables guiados por unha dietista, e apoiados cun proxecto de formación denominado PLAN VALORA. Dende hai dous cursos estamos celebrando cada 15 días os VENRES GASTRONÓMICOS que serve para coñecer outros países, a súa localización, historia, cultura e gastronomía.Tamén estase levando a cabo un proxecto con RECEITAS do alumnado que se engaden ós menús do comedor.

Dende o centro consideramos que o noso comedor escolar está a funcionar dun xeito non só satisfactorio, senón moi satisfactorio e serve como referencia a outros comedores que nos visitan para coñecer como funcionamos. Queriamos lembrar tamén que as figuras de responsable de comedor e coidadoras de comedor están abertas todos os anos a toda a comunidade educativa e que non é nada fácil atopar a xente non só que colabore e asuma a responsabilidade senón que aporte traballo e ideas. Evidentemente sempre teremos cousas que mellorar e seguiremos traballando nesta dirección, pero consideramos que a comida é de calidade, os menús saudables e que os responsables do comedor levan a cabo un excelente traballo.

5. ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES
As actividades extraescolares e complementarias inclúen non só as saídas que se realizan fóra do centro senón todas aqueles festivais e celebracións que se realizan ó longo do ano: Magosto, Nadal, Día da Paz, Entroido, Maios, Letras Galegas, Fin de curso, charlas, saídas ó teatro, actuacións musicais……
Unha parte do alumnado queixase por ter poucas saídas. Dependendo do curso no que está o alumnado é normal que se teña unha percepción distinta. Haberá cursos nos que haxa poucas saídas e por iso reclaman máis. En conxunto o centro realiza cada ano ademais de todas as celebracións, festivais, representacións teatrais, músicais como mínimo unha saída por ciclo en EI e EP e unha en cada curso de ESO. Revisando as novas que van aparecendo na páxina web e as fotos da galería de imaxes calquera persoa pode darse conta da cantidade de actividades extraescolares e complementarias que se realizan.
Dúas das observacións son moi concretas: motivo de que non baixara o alumnado de ESO facer os Maios e a posibilidade de celebración doutra feira quixotesca. A resposta á primeira observación é que o alumnado de ESO non trouxo material para facer os maios e polo tanto só baixou ó acto. En canto á posibilidade de retomar a feira quixotesca a dirección comprométese a estudialo para o vindeiro curso.

6. LIMPEZA
Este curso houbo poucas observacións respecto ó servizo de limpeza. En xeral, despois de que o curso pasado cambiara a concesionaria do servizo e se normalizara consideramos que este servizo funciona dun xeito corecto. De todas formas teremos en conta as vosas observacións e as trasladaremos á concesionaria do servizo.

7. RECREOS
Algunhas das observacións respecto ó tempo de lecer son as seguintes: maior duración e máis material para os recreos, delimitar as zonas para xogar con balóns e un patio máis grande para xogar ó fútbol con porterías novas.
En relación ós recreos en ESO hai dous recreos de 15´ e en EI e EP un recreo de 30´. Hai 4 ou 5 anos había en ESO un só recreo de 20´ e cambiouse para o modelo actual, esto implicou que a saída pasou de 14:55 a 15:05. Actualmente sería totalmente inviable aumentar ese tempo porque significaría saír aínda máis tarde. Esta posibilidade podería plantexarse se algún día logra adiantarse o horario de entrada. A zona onde se pode xogar con balóns é única e exclusivamente a zona onde están as porterías e a zona de grava. Esta zona está pendente de ser acondicionada dende que se fixo o novo ximnasio. Ata que o concello ou a consellería acondicionen a zona non se colocarán porterías nin canastras novas.
Respecto ó material de recreo este ano dentro do Plan Valora e recreos saudables se repartiu material a todos os cursos para xogar nos recreos, este material non está a ser coidado. O mesmo pasa co material que se deixaba polo Departamento de EF para xogar (balóns e palas de ping-pong). O alumnado debe aprender a coidar e respetar o material común e deixalo no seu lugar ou subilo de novo a clase si é o material da clase. Se esto non sucede non se repartirá máis material. Tamén aproveitamos para lembrar que o material dos recreos non é para xogar na clase nen nos corredores.

8. CONSERXERÍA
Respecto ó servizo de conserxería é interesante recordar que o noso centro ten preto de 400 alumnos e tres niveis educativos diferentes. Outros centros coa metade dos alumnos teñen tres conserxes. No seu momento houbo outro conserxe a media xornada, e sería necesario ter dous conserxes. O que non podemos esquecer é que é imposible que o conserxe estea continuamente na entrada porque ten outras tarefas que cumprir. Deberiamos aprender tanto alumnos coma profesores a organizarnos e planificar o noso estudo e as nosas clases de xeito que non nos pareza imprescindible ter que facer esa fotocopia no momento.

9. TRANSPORTE
As observacións respecto ós buses teñen que ver, na maioría dos casos coa puntualidade. Ttrasladaranse estas observacións ás empresas. Outra observación puntual, refírese ás coidadoras que deberían acompañar ós máis pequenos á entrada e recollelos á saída. A tarefa das coidadoras ten relación especificamente co que acontece no bus e acompañalos segundo a lexislación vixente só ata á entrada do recinto escolar.

10. SEGURIDADE
En relación á seguridade no centro cómpre salientar que a posibilidade de pechar os portalóns en horario lectivo xa se valorara e que o claustro decidiu que causaría máis problemas dos que resolvería.


Grazas a todos polo voso tempo e a vosa colaboración á hora de cubrir as enquisas de satisfacción. Os resultados das enquisas poden consultarse na páxina web do centro.

miércoles, junio 17, 2009

4ª REUNIÓN XUNTA DE DELEGADOS

Este mércores 17 de xuño celebramos a última reunión de delegados deste curso 08-09, nela o responsable de calidade expuso ós alumnos os resultados das enquisas de satisfacción e os comentarios ás observacións derivadas das enquisas.

martes, junio 16, 2009

3ª AVALIACIÓN. PROFESORADO:

Os días 16 e 17 de xuño serán as avaliacións en EI e EP e o día 24 de xuño as de ESO.
Lémbrase a todo o profesorado a necesidade de cubrir o MD75010401.Recollida de datos para a xunta de avaliación, e deixalo nas casillas da titoría a semana antes da avaliación. Asemade lembrar a importancia de ter actualizados os diferentes modelos de fichas de alumnado, programación impartida nas materias e nas titorías, as actas de cada departamento ou órgano do centro, revisar os criterios de avaliación de cada departamento ou ciclo e continuar a utilizar o Xdat para os gastos, o inventario e as actividades extraescolares.
Recoméndase tamén ós titores cubrir as actas de avaliación con pulcritude e dilixencia.

martes, junio 09, 2009

CLAUSTRO

No claustro do día 9 de xuño se trataron os seguintes temas relacionados co sistema de calidade:
- Agradecementos ó persoal docente pola auditoría externa.
- Resultados e observacións das enquisas de satisfacción.
- Lembrar que pasen ó responsable de calidade novas sobre actividades e fotos para a páxina web.
- Cambio nos modelos de programación e memoria.
- Avaliación EI, EP e ESO
- Inventario final de curso (X.dat)
- Final de curso: gardar fichas alumnado, fichas titoría , programación materia impartida, entrevistas cos pais.

miércoles, junio 03, 2009

7ª REUNIÓN GRUPO DE MELLORA

O mércores día 3 de xuño na sala de calidade tivo lugar a 7ª reunión do grupo de mellora do curso 2008-2009.

Os asuntos a tratar foron os seguintes:

- Revisión e seguemento do Plan de mellora.
- Revisión do modelo de programación.
- Revisión do modelo de memoria.
- Indicadores de calidade
Na reunión decidíronse os cambios dos modelos de programación e memoria e varios cambios nos indicadores de calidade do Plan de control dos procedementos. Grazas a todos pola vosa colaboración.

lunes, junio 01, 2009

ENQUISAS SATISFACCIÓN

Durante o mes de maio estíveronse pasando as enquisas de medición do grado de satisfaccción ás familias, ó alumnado e ó persoal docente e non docente do centro, os resultados son mellores que os do ano pasado. A final de curso enviarase unha circular ás familias intentando respostar ás observacións que se escribiron nas enquisas.